Actualidad

Manténgase informado

participacions-preferentes-obrigas-subordinadas

Efectos da nulidade da subscrición de participacións preferentes e obrigas subordinadas

Os efectos da nulidade contractual de participacións preferentes e obrigas subordinadas residencianse no establecido no artigo 1303 do Código Civil. A interpretación do alcance deste precepto é ben coñecida. A STS do 11 de febreiro de 2003 afirmaba que  “procede analizar os efectos xurídicos de tal declaración, os cales se regulan con carácter principal (non exclusivamente) no art.º 1303 CC“, no que se impón que deben restituírse reciprocamente as cousas do contrato cos seus froitos e o prezo cos seus intereses, co fin de conseguir que as partes afectadas volvan ter a situación persoal e patrimonial anterior ao evento invalidador  (SSTS do 22 de setembro de 1989 e do 26 de xullo de 2000), evitando o enriquecemento inxusto dunha delas a custa da outra (SSTS do 22 de novembro de 1983, do 24 de febreiro de 1992 e do 30 de decembro de 1996). En consecuencia, o precepto define a “restitutio in integrum”, con retroacción “ex tunc” ao momento anterior ao evento invalidador.

De igual modo, a conclusión 4ª dos Maxistrados e Maxistradas das Audiencias Provinciais de Galicia nas Xornadas sobre participacións preferentes e débeda subordinada celebradas en Santiago de Compostela o 4 de decembro de 2013 define que: “A restitución de prestacións como efecto da ineficacia do contrato que poida declararse, supoñerá a devolución por parte do adquirente dos intereses percibidos, e por parte da entidade financeira, o capital investido máis o interese legal do diñeiro.

Non obstante, a Sentencia da Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 1ª, do 4 de abril de 2014 (La Ley 106166/2014) é mostra do progreso da citada xurisprudencia, declarando non haber lugar á devolución por parte do adquirente de produtos híbridos dos intereses percibidos, sobre a base das seguintes razóns:

a)     Pola existencia dunha situación de desigualdade na información e de desequilibrio de dereitos e obrigas que debe traducirse tamén na reposición das cousas ao momento da celebración do contrato.

Entre a Doutrina, podemos citar a VICENS CHULIÁ, quen ao deixar constancia da desigualdade existente entre unha relación contractual entre o particular e a entidade de crédito, relación na que a “vontade contractual brilla pola súa ausencia”, dá o exemplo de que é como unha partida de xadrez entre un experto e un mero afeccionado, no que cada xogada ou cada cláusula contractual supón o xaque-mate para o consumidor.

b)    Porque a análise da conduta da entidade financeira permite a súa consideración como unha actuación de mala fe, que debe ter tradución na restitución das cousas á súa orixe.

Dende esta perspectiva, a posesión de mala fe non só non constitúe título de atribución, senón que impide que o título de atribución que resulte produza os seus efectos sobre a propiedade dos froitos en toda a súa extensión; de aí que o artigo 455 do Código Civil sinale que o posuidor de mala fe non só ten que aboar os froitos percibidos, senón tamén os froitos que o posuidor lexítimo tivese podido percibir (fructus percipiendi). A maior abundancia, doutrina como FEDERICO DE CASTRO denunciou dende a entrada en vigor do Código Civil certa contradición co artigo 451 CC, que atribúe ao posuidor de boa fe os froitos percibidos mentres non sexa interrompida a posesión.

c)     Porque se consolidaría unha situación de enriquecemento inxusto se se obriga a devolver ao cliente os intereses legais das sumas percibidas en virtude das ordes de adquisición de participacións preferentes e débeda subordinada, mentres que a entidade, que celebrou o contrato co fin de atender ás súas esixencias conxunturais de capitalización, terá obtido rendemento das sumas depositadas polo cliente en normal desenvolvemento do negocio bancario.

Para tal efecto, seguindo unha nova liña doutrinal e xurisprudencial, se se declara a nulidade, os intereses que o devandito produto xerou deben quedar en poder do cliente, pois esta é a lexítima retribución que se espera do depósito contratado. De non ser así, daríase o paradoxo de que a entidade bancaria si tería obtido unha rendibilidade, non cuantificada, que non tería que compensar, xa que co diñeiro que se lle entregou en depósito negociou no mercado e obtivo rendibilidade, e pola contra o cliente vería que por ese diñeiro non se lle daría retribución ningunha e, ademais, non se lle compensaría pola súa perda de valor, xa que se lle reintegraría o valor neto da achega inicial menos os intereses recibidos, e ese diñeiro tería perdido valor polos sucesivos incrementos do IPC durante os anos de duración do depósito. Indubidablemente tal resultado só estaría beneficiando ao Banco, o que é contrario á boa fe e supón un enriquecemento inxusto (STS do 17 de xuño de 2010).

d)    Porque a normativa protectora do consumidor, -en particular os artigos 60 e 62 do TR 1/2007 (art.º 10 da Lei 26/1984), ademais da normativa sobre condicións xerais da contratación e a específica sobre a protección do consumidor adquirente de servizos e produtos financeiros-, constitúe base abondo para incrementar o estándar da boa fe contractual esixible á entidade financeira, e dá fundamento á modulación dos efectos da retroacción de efectos co fin de evitar situacións de desprotección dos consumidores.

e)     Porque, nesta mesma liña de razoamento, se sitúa a lexislación especial ditada para a reestruturación de entidades de crédito -Lei 9/2012, de 14 de novembro-, que establece, no seu apartado IV, como un dos seus obxectivos a adopción de medidas de protección do investidor en relación coa comercialización dos instrumentos híbridos e outros produtos complexos para o cliente minorista, entre os que se inclúen as participacións preferentes e as obrigas subordinadas, co fin de evitar que se reproduzan novamente estas prácticas irregulares.

Esta publicación deriva da lacónica situación constatada no desenvolvemento da práctica profesional do equipo que forma claim&loyaltySociety Avogados en relación coa protección do consumidor bancario, motivo polo cal a firma espera que lles puidese servir de axuda co fin de poder dilucidar as súas dúbidas.

claim&loyaltySociety particulares

ClaimLoyaltySociety 

Comments are closed.