Actualidad

Manténgase informado

  • 23 enero, 2015
  • claimloyaltysociety
  • Sin categoría
  • 0

Case cinco anos de criminalidade empresarial

O próximo 23 de xuño cúmprense cinco anos da introdución no ordenamento xurídico español dun sistema de responsabilidade penal das persoas xurídicas, o cal supuxo abandonar a liña seguida por países do noso ámbito xurídico como Alemaña ou Italia, e dar resposta aos numerosos instrumentos xurídicos internacionais que demandaban unha resposta penal clara para as persoas xurídicas. Así sería a Lei Orgánica 5/2010, do 23 de xuño, de modificación do Código Penal a disposición normativa encargada de introducir no noso Dereito un sistema de responsabilidade penal das persoas xurídicas, ou dito doutra forma, introduciu o concepto de criminalidade empresarial.

Con anterioridade á reforma, considerábase que, á marxe das persoas físicas que conformaban o ente xurídico, ninguén podía responder da comisión dun delito, en tanto en canto que nas persoas xurídicas non concorrían os requisitos necesarios para apreciar responsabilidade penal, posto que por si mesmas carecen de capacidade de acción, por motivos obvios, e de capacidade de culpabilidade, xa que esta esixe a presenza dunha serie de estruturas biopsicolóxicas que dificilmente se pode encontrar nas persoas xurídicas.

En teoría, tras a reforma antes sinalada, e con independencia da responsabilidade na que poidan incorrer os administradores societarios, directivos ou empregados, aquela Lei Orgánica deu carta de natureza a que as empresas deban facer fronte á responsabilidade penal cando se cometan, entre outros, delitos de estafa, suborno, suborno privado, branqueo de capitais, delitos contra a Facenda Pública, o medio ambiente, a Seguridade Social ou urbanísticos. E en función da gravidade dos delitos, pódense impoñer á empresa, penas de multa, suspensión da actividade desta, clausura temporal dos seus locais e establecementos, inhabilitación para obter subvencións ou axudas públicas ou para contratar coas Administracións Públicas e gozar de beneficios e incentivos fiscais ou da Seguridade Social, intervención xudicial e, nos casos de extrema gravidade, poderíase decretar a disolución da empresa.

Sen embargo, o feito de seguir o camiño do ordenamento francés, ao introducir a posibilidade do reproche penal á actuación das persoas xurídicas, tamén abría unha serie de interrogantes que, en parte, foron solucionados como os relativos ao réxime da competencia dos tribunais, dereito de defensa das persoas xurídicas, intervención no xuízo oral e conformidade, así como a súa rebeldía.

Non obstante todo o anterior, tras case cinco anos de convivencia xurídica cun sistema de responsabilidade empresarial, a súa aplicación práctica viuse moi limitada, ata o punto de que a primeira condena non se coñeceu ata o 11 de outubro de 2012, cando se dita unha sentenza na cal se condena a cinco empresas e os seus administradores dun delito contra a saúde pública por tráfico de substancias estupefacientes, xa que o xulgador entendeu que se creara unha armazón de empresas dedicadas á exportación e importación de maquinaria coa única finalidade de introducir en España substancias estupefacientes. Á marxe desta sentenza pioneira que tardou máis de dous anos en inaugurar a chamada criminalidade empresarial no noso ordenamento xurídico, son anecdóticas as resolucións xudiciais que ata a data seguiron este camiño.

Criminalidade empresarial

ClaimLoyaltySociety 

Comments are closed.